Que é este blog

O blog da ANPA SANTA IRENE é un espazo aberto de comunicación e información sobre temas de interese común a tódalas familias do CEIP Santa Irene de Porto do Son. Nel, poderedes atopar información relativa a todas as actividades que organiza e/ou nas que participa a ANPA: actividades extraescolares, festas; así como información da Directiva da ANPA, os seus membros e vogais; seguimento do traballo das diferentes comisións, convocatorias de reunión, fotografías das festas e outras actividades da escola. Pero, ademais das actividades promovidas desde a ANPA, o blog quere ser tamén un espazo para compartir información de suxestións de actividades infantís e/ou familiares de interese cultural, social, lúdico ou festivo que teñan lugar na nosa vila ou na nosa comarca. O blog da ANPA é un recurso aberto á participación de todas e de todos. Por iso, animámosvos a que nos fagades chegar as vosas suxestións, iniciativas, comentarios e, tamén, as vosas críticas. Podedes contactarnos a través do enderezo electrónico: anpasantairene@gmail.com Desexamos que o blog sexa do voso interese e que todos/as vos animedes a participar con nós.

"Deseña unha xoia para túa nai"

Do Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia invítannos a participar no concurso

"Deseña unha xoia para túa nai"

Trátase de debuxar en papel un deseño dunha xoia e entregalo nos establecementos colaboradores ou por correo ordinario a oficina do COXGA antes do 25 de marzo. Premendo aquí obterás toda información.


Ánimo! Os deseños seleccionados serán executados por xoieiros profesionais.
Límite de idade 12 anos.
O prazo remata o 25 de marzo.

Xornada única - Información actualizada para as familias





Benqueridas familias:

As ANPAS de Porto do Son-Santa Irene, Anpa As Furnas de Xuño e Coira Anpa Coira Ceip de Portosin, unidas no obxectivo de acadar a xornada única. Tralo masivo apoio recadado coas sinaturas das familias que secundan esta solicitude (preto de 400), estamos a traballar na consecución dun informe de transporte favorable, tema que ha resultar crucial na resolución deste tema.

O vindeiro martes 10/12 haberá unha reunión no Concello con representantes das tres ANPAS, así como un representante da Empresa Comparado, a concesionaria do servicio de transporte, que se comprometeu a elaborar unha proposta de rutas e horarios para a xornada única, que incluise aos tres centros e mais ao Instituto.

De igual forma, pretendemos acudir á delegación de transporte na Coruña antes das vacación de Nadal, para orientármonos sobre a viabilidade das nosas propostas, e poder iniciar do xeito máis seguro  os trámites oficiais tan pronto como se abra o prazo a comezos de 2014. 
Por favor, remitide calquera dúbida ou consulta, así como as vosas suxestións ou comentarios respecto a este tema ao enderezo: anpasantairene@gmail.com

Grazas a todos/as,

Anpa Santa Irene

Andaina de Novembro

O pasado sábado 16 de Novembro volvemos ir de andaina... desta vez aumentou o grupo: 37 valentes camiñantes que subimos ata o monte Dordo, desde onde puidemos contemplar non solo as impresionantes vistas da ría e a panorámica da nosa vila desde o aire, senón tamén comprobar, in situ, os destragos causados polos lumes do final do verán. Os máis pequenos celebraban as árbores "que quedaban con vida" e lamentábanse por estes sucesos cuxas causas son tan difíciles de entender para todos. Deixámosvos unhas imaxes desa tarde, e animámosvos a todos/as a acompañarnos na vindeira andaina... estade atentos ás datas!



Andaina de Novembro

O próximo sábado, día 16 de novembro ¡imos de andaina!
Esta vez temos previsto subir pola senda botánica ao monte Dordo e logo baixar pola ETAP cara ao Outeiro, son uns 3 km. Desta volta aumentamos un chisco a dificultade, xa que os primeiros tramos teñen algo de pendente. 
Recomendamos calzado axeitado, xa que é unha pista forestal e hai pedras. Anotade que desta volta quedamos ás 16:30h, xa que co horario de inverno anoitece antes.
Igual que a vez anterior, o punto de partida será a porta do colexio. 
Non cómpre anotarse con antelación. Os menores de 6 anos deben vir acompañados dun adulto, e os maiores desa idade, cunha autorización asinada polos pais ou titores.
Agradecemos a colaboración dun euro solidario, por familia, a beneficio da ANPA.
GRAZAS A TOD@S!





Fin de semana de magostos


O pasado venres 8 de novembro celebramos no cole o magosto para os/as nenos/as, e o domingo 10 de novembro, colaboramos co Concello na organización do magosto popular na praza da vila: preparamos e asamos 160 kg de castañas, e fixemos biscoitadas deliciosas para mollar no chocolate quente que nos endulzou a tarde. Agardamos que gozarades tanto coma nós! Lembramos que, este ano, os fondos recadados no magosto destinaranse a colaborar co tratamento da nena lucense Uxía Grazas a tod@s!